A apertura do Faro de Lariño podería ser realidade a próxima semana

Este valado podería ser historia nunha semana
Máis boas novas para os defensores do Faro de Punta Insua. Esta semana operarios da Autoridade Portuaria, coordinados cos propios veciños, xa estiveron en Lariño desbrozando e adecentando o entorno das instalacións do seu faro, de cara á súa próxima apertura, como xa anunciamos hai quince días.

O derrubo definitivo do portón e das demais barreiras que desde hai anos impiden o acceso ao único faro galego co seu entorno pechado ao público queda entón tan só pendente da sinatura do convenio polo cal o Concello de Carnota, a AAVV Insua de Lariño e a propia Autoridade Portuaria de Vilagarcía, quen xestiona esta instalación, se comprometen a cooperar para o mantemento deste entorno, sinatura que tanto o alcalde Ramón Noceda coma o portavoz veciñal Marcos Rama confían en que poderá realizarse na próxima semana ao ter xa recibido o visto bo de Portos de Galicia.

Unha das cuestións pendentes de dilucidar aínda é a seguridade no entorno, para o que contaremos na semana próxima coa visita de expertos de Portos e dunha compañía aseguradora, e detalles menores coma se os vehículos poderán acceder ao aparcadoiro ou se ben un bolardo so permitirá o acceso a pe.

Noutra orde de cousas, a negociación para a apertura do propio edificio ás actividades veciñais, tal e como se reclama desde a campaña Salvemos o Faro de Lariño, tamén avanza, á vista de que existe a posibilidade de que as prohibitivas condicións para a cesión deste tipo de instalacións poida facerse por un canon simbólico cando a solicitude se fai para desenvolver actividades de interese público. Veciños e concello seguirán afondando nesta posibilidade para que unha mera cuestión monetaria non sexa a que cercene o éxito desta iniciativa transformadora que conta cun únanime respaldo social.

Primeira vitoria: Portos accede a abrir o entorno do faro de Lariño

O movemento veciñal en defensa do Faro de Lariño logrou esta mañá a súa primeira vitoria. Foi durante unha reunión coa directora da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, responsable da xestión do Faro de Punta Insua, e á que asistiron Marcos Rama, portavoz de SALVEMOS O FARO e presidente da AAVV Insua de Lariño, xunto co alcalde de Carnota, Ramón Noceda.

Durante esta reunión, que se prolongou por hora e media, a delegación carnotá logrou arrincarlle a Portos o compromiso de que abrirá o entorno do Faro ao público, medida que se fará efectiva na próxima semana mediante un Convenio polo que Concello e veciños colaborarán, ademais, coa conservación e o mantemento deste novo espazo público do que disporá o Concello de Carnota.

Esta reivindicación era chave na axenda de SALVEMOS O FARO pois desde que se completou a automatización da lanterna e o último fareiro abandonou a zona, todo o entorno do Faro fora valado e a entrada clausurouse mediante un portal metálico que impide a entrada a veciños e visitantes. De cumprirse o compromiso de Portos, en poucos días ese portalón será historia e, por fin, todo Lariño e Carnota poderán acceder ao entorno do faro coa normalidade con que o pode facer en calquera faro do País.

A cesión do Faro terá que agardar

Sen embargo, queda moito por facer. Sen resolver quedou a cuestión da utilización social do faro. Non é tanto que Portos, veciños e Concello non teñan sintonía sobre o uso social que se lle quere dar ao faro, senón as condicións para poder facelo, absolutamente prohibitivas. A Autoridade Portuaria asegura para ceder a utilización do Faro a calquera actividade cobrará un canon de 14.000 euros anuais, ao que habería que sumarlle un 8% dos beneficios en caso de albergar algunha actividade que xere ingresos económicos. A representación carnotá amosou a súa estupefacción porque defende unha iniciativa que pretende recuperar para o disfrute de toda a sociedade un edificio que leva anos en desuso e que ademais ameaza ruína, sen necesidade de afectar en absoluto a súa actividade orixinaria pois coa automatización só emprega a torre da lanterna.

Deste xeito, aínda que se constataron discrepancias polas condicións abusivas impostas por Portos para esta cesión, veciños e Concello confían en que no futuro a Autoridade Portuaria comprenderá que esta medida é a mellor solución para recuperar o Faro de Lariño para o beneficio de toda a sociedade, e agarda que nas próximas semanas flexibilizará a súa postura para que o futuro do Faro de Lariño non penda dunha simple cuestión economica.

Aprazada a xornada de portas abertas

Nunha terceira orde de cousas, a Autoridade Portuaria non autorizou de momento a xornada de portas abertas que desde SALVEMOS O FARO previamos desenvolver a final deste mes, co argumento de que non é boa a afluencia ao faro de moitas persoas xuntas por culpa do seu mal estado. Bo é que o recoñezan, pero desde a representación carnotá explicáronlle que non teñen ningún inconvinte con que esta visita se poida desenvolver mediante grupos reducidos de veciños e baixo a supervisión técnica de Portos, polo que agardamos poder anunciar esta Xornada en próximas datas.

Concello de Carnota e AAVV Insua de Lariño, responsábeis da campaña SALVEMOS O FARO, agradecen a toda a veciñanza a súa gran implicación na defensa do seu Faro asi coma as numerosas mostras de apoio recibidas, e anuncian que ata que estes compromisos se concreten continuarán coa recollida de firmas e coa campaña de divulgación e sensibilización coa situación do Faro de Lariño, ata lograrmos que o seu futuro esté garantido.

O faro de Lariño renace

Un século despois da súa construción, o Faro de Punta Insua (Lariño, Carnota) esmorece polo abandono e con el un símbolo do noso Concello, o seu maior faro. Un patrimonio común, vencello de mar e terra, negado ao seu pobo para a súa posta en valor e aproveitamento.
No ano 2012 o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, solicita á Autoridade Portuaria de Vilagarcía (que é quen ten a competencia desta instalación) a cesión do faro ante o seu evidente estado de abandono, coa finalidade de restauralo e destinalo a Eco-Centro. Porén este proxecto foi rexeitado co único argumento de que "as autoridades estaban a estudar que facer cos faros".
É por isto que agora o Concello de Carnota, man a man co puxante movemento social de Lariño, decidiu mover ficha dunha vez para denunciar publicamente a degradación acelerada do Faro de Punta Insua, e iniciar unha campaña coa que logremos abrir as súas portas a toda a veciñanza e visitantes. Non imos permitir que un dos nosos maiores valores estén pechados a cal e canto, sumido no esquecemento.
Esta campaña, que xa leva varias semanas desenvolvéndose porta a porta en Lariño, consiste nunha recollida de sinaturas esixíndolle á Autoridade Portuaria de Vilagarcía que acceda ceder o Faro de Punta Insua ao Concello de Carnota con finalidade de ocupación.
Agora esta iniciativa ábrese tamén á rede para que calquera cidadán, independentemente dos quilómetros a que se atope dos Meixidos, poida apoiar a idea e sumar asi o seu gran de area.
Isto só é o principio, o final só chegará cando logremos o noso obxectivo.

Salvemos o Faro de Lariño!